CONGALSA rematou 2021 incrementando facturación, persoal e transformación tecnolóxica

venres, 4 de febreiro do 2022 S. P.

A empresa de alimentación e produtos do mar CONGALSA, con sede na Pobra do Caramiñal, comezou 2022 facendo balance dos fitos acadados pola súa actividade no exercicio anterior, poñendo o foco en parámetros como a facturación conseguida, que foi, contabilizando os resultados da planta portuguesa Sulpasteis, de 113 millóns de euros, o que representa un 13% máis ca en 2020. A maiores, a empresa incrementou o seu persoal nun 20% até situarse nos 562 traballadores. En total, CONGALSA comercializou durante o ano pasado 26.000 toneladas das súas diferentes gamas de produto.
No balance a empresa alimentaria tamén fai saber que en 2021 levou a cabo importantes investimentos en maquinaria, tecnoloxía, I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e innovación) e mellora de procesos por un valor de 3,7 millóns de euros.
Respecto da folla de ruta para este ano e o seguinte, a compañía ten previsto facer un investimento de 8 millóns de euros, dos cales catro adicaranse á ampliación da planta portuguesa e á automatización dos eus procesos produtivos, e outros catro para o seu proxecto de fábrica intelixente CONGALS4.0, unha liña de traballa impulsada en colaboración co Centro Tecnolóxico Gradiant e que ten como obxectivo liderar a industria automatizada, sustentábel e eficiente dentro do sector alimentario galego e, deste xeito, “fomentar o desenvolvemento da fábrica intelixente”.
Amais, a empresa da Pobra do Caramiñal foi distinguida hai uns días co Premio Galicia de Innovación e Deseño, na categoría de gran empresa, que outorga a Xunta de Galicia a través da axencia GAIN.

Premio Ramón Doval

Como vén sendo habitual, CONGALSA organizou a IX edición do Premio aos Valores do Ano, recoñecemento que leva o nome do anterior director de Relacións Externas da empresa, Ramón Doval, xa xubilado, e que outorga o propio persoal da compañía da Pobra a través dun proceso de votación interno.
Neste 2022, a distinción recaeu en José Luis Romero García (Lucho), traballador de mantemento da parcela 13 de CONGALSA.
O premio é un recoñecemento á persoa “que mellor representa os valores corporativos que a compañía quere promover entre os seus traballadores: compromiso coa empresa; respecto polas persoas; orientación ao cliente externo e interno; eficiencia, integridade e ética empresarial; traballo en equipo; orientación á mellora continua; e innovación, actitude positiva e orientación á sustentabilidade (económica, social e ambiental)”.

CONGALS4.0

Entrega do Premio Ramón Doval a José Luis Romero García, no centro da imaxe, acompañado do director xeral da compañía, Luis Miguel Simarro, e do director comercial e de marketing da empresa, Julio Simarro

Os detalles do proxecto CONGALS4.0 da compañía alimentaria da Pobra do Caramiñal foron dado a coñecer este pasado mes de setembro nun acto que contou coa presenza de Luis Miguel Simarro, director xeral da empresa, e de Luis Pérez Freire, director xeral do Centro Tecnolóxico Gradiant. Tamén participou Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Segundo explicaron, a compañía está a implantar a tecnoloxía de Visión Artificial nos diferentes elos da cadea do seu sistema de produción e promoverndo a dixitalización das súas factorías habilitando tamén técnicas de Realidade Virtual e Aumentada.
Isto será posíbel grazas ao ambicioso proxecto tecnolóxico de transformación no que está mergullada a empresa alimentaria, unha aposta cara a un modelo industrial interconectado abeirada ao Programa Industrias do Futuro 4.0, impulsado desde a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Presentación do proxeco CONGALS4.0 en setembro

Segundo engadiu Simarro, o modelo industrial 4.0 promovido desde CONGALSA “fai fincapé na Visión Artificial como tecnoloxía integrada na compañía” e tamén pon o acento na dixitalización, na ciberseguridade, na cadea de bloques (blockchain), na aprendizaxe das máquinas (Machine Learning), na Intelixencia Artificial, na automatización de procesos, na Realidade Virtual e na Realidade Aumentada.
O obxectivo do proxecto é crear unha fábrica intelixente a través da dixitalización de toda a cadea loxística integral e desenvolver un modelo de industria interconectada que axude a xerar tracción no cambio na nosa empresa.
A iniciativa CONGALS4.0 está subvencionada por GAIN (Axencia Galega de Innovación) mediante o programa Industrias do Futuro 4.0. e co-financiado con cargo aos fondos FEDER no marco do Programa Operativo 2014-2020 Unha maneira de facer Europa.

PUBLICIDADE