COINTEGA e Bionix impulsan un centro demostrador de tecnoloxías RFID para o sector téxtil galego

luns, 10 de febreiro do 2020 Redacción

A Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA - Clúster Téxtil Moda) e a startup galega Bionix Supplychain Technologies porán en marcha un centro demostrador sobre tecnoloxías RFID (identificación por radiofrecuencia). O obxectivo, en palabras do Clúster, é pór a disposición das empresas as vantaxes que esta tecnoloxía ofrece para a xestión da cadea de subministración”. Esta iniciativa a prol da rastrexabilidade e a xestión optimizada de recursos é o primeiro froito do convenio de colaboración que asinaron ambas as entidades, e que prevé desenvolver ao longo de dous anos unha serie de iniciativas de formación, difusión e promoción das novas tecnoloxías para a mellora da eficiencia e a produtividade do sector téxtil galego.
O centro demostrador situarase en TEXVIGO, e nel, indicaron, presentarase o ciclo completo da cadea de subministración do sector téxtil-moda, “dende a saída do provedor até a tenda”. A través dos recursos que poña en xogo, os usuarios poderán coñecer o proceso de xeración de etiquetas intelixentes e familiarizarse con dispositivos RFID deseñados e fabricados en Galicia. Poderán, tamén, experimentar o funcionamento da plataforma na nube e a aplicación móbil desenvolvida por Bionix, “probando en tempo real o impacto que esta tecnoloxía pode ter nos seus negocios”.
Outro dos obxectivos básicos deste proxecto completo é achandar o terro para a adopción e universalización destes sistemas no tecido empresarial galego, unhas tecnoloxías RFID que supoñan fortes investimentos, polo que estaban unicamente ao alcance das grandes multinacionais. Con todo, Bionix logrou dimensionar as solucións, adaptándoas ás posibilidades financeiras das pequenas e medianas empresas.
O convenio
O acordo de colaboración subscrito entre COINTEGA e Bionix ten unha duración prevista de dous anos, que poderán ser prorrogados. Ademais da posta en marcha do centro demostrador RFID, prevé a participación conxunta en proxectos e programas de investigación, o desenvolvemento de programas de formación sobre novas tecnoloxías aplicadas ao sector téxtil, e o asesoramento ás empresas asociadas a COINTEGA.

PUBLICIDADE