COGAMI inicia un curso de alfabetización dixital en Boiro

martes, 7 de febreiro do 2023 S. P.

As instalacións da Aula CeMIT do Centro Social de Boiro acollen estes días un Curso de Alfabetización Dixital impartido pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Esta formación iniciárona un total de 8 persoas, todas elas co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, procedentes dos concellos de Boiro, Ribeira e Rianxo.
Esta formación, financiada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a través da Organización COCEMFE, da que forma parte COGAMI, enmarcada nas actuacións dirixidas á atención de adultos con NEE 2021-22, contará cun total de 85 horas lectivas que serán impartidas de luns a venres en horario de 9:00 a 14.00 horas, e nos que se abordarán módulos sobre Internet, procesador de textos e folla de cálculo.
Estes cursos que desenvolve COGAMI teñen como obxectivo impulsar a inserción sociolaboral, coa finalidade de que o “alumnado acade os coñecementos e habilidades para poder inserirse canto antes no mercado laboral”.
Arestora, a bolsa de emprego de COGAMI ten inscritas un total de 693 persoas no Barbanza e a súa contorna, distribuídas deste xeito segundo concellos de ámbito de actuación: Rianxo 64; Boiro 132; A Pobra 62; Ribeira 132; Porto do Son 34; Noia 137; Lousane 17; Outes 35; Muros 47; Carnota 18 e Mazaricos 15.

PUBLICIDADE