COFER e a Asociación TIC Ferrolterra achegan obradoiros de balde sobre novas tecnoloxías

luns, 4 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER) e a Asociación TIC Ferrolterra van organizar este mes e o seguinte unha serie de obradoiros tecnolóxicos de balde para favorecer a adaptación ás contornas dixitais dos empresarios, autónomos e profesionais da contorna. O primeiro dos talleres levarase a cabo en Narón entre o 11 ao 28 de marzo e tratará sobre ferramentas 2.0. Será na sede COFER en Narón (Centro de Negocios Area 40-C, polígono Río do Pozo). Durará arredor de 12 horas distribuídas en clases os luns, martes e xoves de 20.30 a 22.00 horas.
Os contidos da actividade serán, entre outros, os seguintes: introdución e avaliación do estado actual da empresa con respecto á contorna das redes sociais; as redes sociais, as súas vantaxes e os xeitos de tirarlles proveito; a Web 2.0 (historia, evolución, vantaxes, globalización, networking); os diferentes tipo de redes sociais e as oportunidades de negocio que brindan cada unha delas; a definición de empresa 2.0 (branding, perfil, misión, visión, valores, estratexia de mercado); tendencias e estratexias para diferenciarnos nas comunidades dixitais fronte á competencia; venda consultiva, etc.
Os seguintes cursos desenvolveranse no mes de abril e tratarán sobre redes sociais, deseño e web, impresión 3D e as posibilidades da ferramenta Phoshop.

PUBLICIDADE