CO2 Smart Tech presentará en MATELEC o seu avanzado software para a xestión integral enerxética

venres, 14 de outubro do 2016 Redacción

CO2 Smart Tech, empresa galega de Enxeñaría e Tecnoloxía, vén de anunciarnos que estará presente no salón MATELEC 2016, especializado en solucións para a industria intelixente e que se celebra en Madrid (IFEMA) do 25 ao 28 de outubro. Durante a celebración deste evento, a firma galega amosará as vantaxes e funcionalidades da súa tecnoloxía Cost-tem, sistema avanzado de xestión enerxética integral que consiste, basicamente, nun software avanzado de seguimento e xestión enerxética unificadora baseado no cómputo na nube. Entre as súas capacidades inclúese a de ser quen de integrar información con orixe en fontes moi diversas, permitindo un control doado, sinxelo e eficaz sobre todas elas.
Estas fontes poden ser sistemas de control (de caldeiras, planta de frío, aire comprimido, etc), equipos de medida e sensores (contadores de enerxía eléctrica, de auga, de vapor, sensores de temperatura, humidade), bases de datos (ERP, sistemas de produción, GMAO) e servizos web (mercado eléctrico, climatoloxía, servizos de terceiros, etc). Segundo informa a empresa galega, a implantación do sistema Cost-tem no tecido industrial e no gran terciario ten como principal obxectivo “a redución, optimización e seguimento de consumos enerxéticos e de recursos, con obxecto de mellorar a competitividade das organizacións”.
Como lembraremos, CO2 Smart Tech é unha empresa galega (con sedes en Oleiros e Bueu) de enxeñaría e tecnoloxía adicada ao desenvolvemento de solucións avanzadas no eido da eficiencia enerxética. Desde a súa orixe no ano 2010 ten desenvolvido unha chea de proxectos en organizacións de referencia a nivel nacional e internacional. Polo que atinxe ao salón MATELEC, é o Salón Internacional de Solucións para a Industria Eléctrica e Electrónica. Este ano desenvólvese baixo o lema Let’’s Link-up, avogando pola interconectividade precisa nos procesos industriais de produción, enxeñaría e xestión.

PUBLICIDADE