CLUSAGA mostrará nun demoday os seus proxectos de transformación, dos que se benefician máis de 30 socios

venres, 18 de novembro do 2022 S. P.

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) vén de achegarnos un balance da súa actividade en materia de transformación tecnolóxica: uns procesos de dixitalizacióin (con todas as vantaxes de competitividade, xestión, axilidade, eficiencia e visibilidade que isto implica) dos que se están a beneficiar 30 socios da entidade a través de proxectos colaborativos xunto a outras empresas e entidades de investigación e innovación. Todo este traballo será dado a coñecer ao detalle nunha xornada de demostración, o vindeiro 1 de decembro.
En concreto, no marco do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs) que promove o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR), CLUSAGA impulsou máis de 10 proxectos nas últimas dúas anualidades, permitindo acelerar a transformación dixital das máis de 30 empresas socias participantes nestas iniciativas.
O clúster salienta que algúns dos proxectos impulsados neste marco durante o último ano tamén recibiron apoio do Fondo de Recuperación NextGenerationEU para a aceleración da transformación dixital.
A preparación destas propostas contou con soporte da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, impulsada por CLUSAGA e apoiada pola Xunta de Galicia a través do IGAPE.
Entidades socias beneficiarias
En concreto, ANFACO-CECOPESCA, AOTECH, ASM, Bico de Xeado, Casa Grande de Xanceda, Centro Tecnolóxico da Carne, CLUN, Cofrico, ColorSensing, DOP Mexillón de Galicia, EligeData, Entrepinares, Galacteum, Galifresh, Glaücor, Hornos Lamastelle, Innogando, Instituto Tecnolóxico de Galicia, JEALSA Rianxeira, Lugar da Veiga, Bodegas Martín Códax, Medrar Smart Solutions, Paco&Lola, Conservas Palacio de Oriente, Perfect Numbers, PSVet, Queizuar, Real Conservera Española, San Brandán, Triple Alpha e Viña Costeira foron os socios de CLUSAGA participantes nos proxectos financiados no marco desta convocatoria ao longo destes anos.
Trátase de iniciativas de investigación, desenvolvemento, innovación e aplicación de novas tecnoloxías e Industria 4.0, que favorecen o desenvolvemento de pilotos para a dixitalización do sector alimentario de Galicia.
Demoday
Como dixemos, para dar visibilidade a este proxectos, CLUSAGA organiza un demoday o próximo 1 de decembro, de 9.30 a 14.00 horas, no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela). No evento daranse a coñecer os proxectos xa finalizados (ML4Milk, HSI-FOOD, PHOTONICS4BAKERY e FoodTechINK), da man das empresas participantes nos mesmos. Do mesmo xeito, presentaranse as novas iniciativas de CLUSAGA en colaboración con entidades socias: MILKTELLIGENCE, MUSSELBLOCK e Smart4Cheese.
Ademais, estará habilitado un espazo expositivo onde se poderán coñecer demostradores in situ as tecnoloxías aplicadas facilitando a transferencia a todo o sector, e facilitarase un espazo para o networking, permitindo establecer novas colaboracións.
Por outra banda, os proxectos ENOTECH 4.0. Solucións de sensórica, visión artificial e Big Data para o sector vitivinícola e máis YIELDCAN 5.0. Procesado masivo de datos en optimización de procesos produtivos, sustentabilidade e calidade do produto en conservas de peixe, que finalizan no mes de decembro, presentarán por primeira vez os seus resultados e conclusións durante o encontro. Este evento organízase no marco do Grupo de Traballo 2 da Comisión de Innovación e I+D de CLUSAGA, Novos modelos de produción e comercialización. Innovación en procesos e tecnoloxías. Dixitalización, cuxo obxectivo é facilitar que os seus participantes establezan ideas de proxectos colaborativos e innovadores neste ámbito.

PUBLICIDADE