CLUSAGA lanza web para promover alimentos e bebidas de Galicia: Na túa despensa

xoves, 14 de setembro do 2023 S. P.

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) celebrou este xoves 14 de setembro acto de presentación da campaña Na túa despensa, o mellor de Galicia, unha iniciativa para a promoción conxunta de alimentos e bebidas das súas empresas socias, cuxo obxectivo é “proxectar a marca Galicia e dar continuidade ás estratexias de mercadotecnia” e comercialización das diferentes marcas. A iniciativa vén con páxina web de seu.
O evento contou (entre outras/os) coa participación Xan Duro, Concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais; Marta Rey, xerente do Mercado de Abastos; e Andrés Rodríguez, presidente de CLUSAGA.
Andrés Rodríguez salientou “o compromiso de CLUSAGA coa organización de actividades colaborativas por segmentos de mercado e canles de distribución vinculadas á proxección do produto galego”, e deu as grazas ao Concello de Santiago de Compostela pola cesión “dun espazo tan singular coma é o Mercado de Abastos para a celebración da primeira acción promocional no marco desta campaña”. Asemade agradeceu ao Centro Superior de Hostalaría de Galicia e á Asociación Hostelería Compostela a súa colaboración para o desenvolvemento da acción.
Nesta liña, o presidente do Clúster Alimentario de Galicia subliñou “a importancia de promover a colaboración público-privada, de crear redes de traballo conxuntas coas Administracións públicas, e de potenciar o valor e calidade da industria alimentaria galega, achegándoa ao consumidor final”.

PUBLICIDADE