CITEXVI xunta a unha boa parte do noso sector para amosar o miolo dos requirimentos no deseño de software

mércores, 9 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI) acolleu este mércores un evento formativo de gran interese para os profesionais das novas tecnoloxías, vindeiros e presentes. A cita veu da man da propia Cidade, da Universidade de Vigo e das empresas Vitae e Visure, contándose coa participación activa dalgunhas das firmas e dos centros de investigación máis representativos do noso sector, dentro e fóra da nosa terra: ASM, Bahía Software, Balidea, CTAG, Gradiant, Imatia, InfoJC, iQube, Optare, R, Ultreia, Vector, Vulcano, etc.
O evento, do que podemos extraer máis información no programa publicado na web en formato PDF, estase a desenvolver, dende as 10.00 horas, baixo o seguinte epígrafe: Captura e xestión de requirimentos en proxectos de software e enxeñaría de sistemas. A temática a tratar é precisamente esa: metodoloxías, disciplinas e esixencias para cubrir os posíbeis baleiros que teñamos á hora de optimizar as primeiras fases da programación para que todo (o esforzo e miolo do desenvolvemento) vaia logo, como se soe dicir, sobre rodas. Segundo informan os organizadores, os requirimentos constitúen posiblemente a parte máis incomprendida da enxeñaría do software e dos sistemas, e, porén, son fundamentais para asegurar un labor axeitado e, sobre todo, un resultado óptimo.
O evento formativo, que é de balde, desenvólvese pois co obxectivo de revisar e dar solucións aos aspectos relacionados coa xestión de requirimentos, dende o concepto de seu até o peche, así como as diversas ferramentas e técnicas para os proxectos TIC sexa cal sexa a súa natureza.
A actividade, na que participaron un centenar de profesionais TIC (unha boa parte deles directivos), abriuse ás 10.15 horas cunha sesión de inauguración oficial a cargo do profesor Nacho Armesto, da Universidade de Vigo para pasar logo a un relatorio sobre captura e xestión de requirimentos que foi desenvolvido por Jordi Borja, enxeñeiro superior en Informática pola Universidade Politécnica de Valencia.
Con posterioridade, Manuel Sanz (enxeñeiro superior en Informática pola Universidade Pontificia de Comillas, Cantabria), amosou polo miúdo unha serie de interesantes casos de éxito sobre as devanditas metodoloxías, ao que seguiu unha nova sesión de exemplos útiles de traballo a cargo de Carlos Jardón, enxeñeiro en Informática e executive MBA pola Universidade Pontificia de Comillas.

PUBLICIDADE