CITEXVI celebra o 9 de maio unha xornada sobre xestión de requirimentos no deseño de software

luns, 23 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A Cidade Tecnolóxica de Vigo, CITEXVI, vai acoller o vindeiro 9 de maio un evento formativo, de balde, sobre captura e xestión de requirimentos en iniciativas de software e enxeñaría de sistemas, unha cuestión temática moi ligada á xestión de proxectos no eido empresarial e que abre grandes posibilidades de colaboración e de intercambio de coñecemento entre universidades e tecido produtivo (transferencia tecnolóxica). No evento, que se celebra na sede de CITEXVI no Campus de Vigo a partir das 10.00 da mañá, participarán, en calidade de relatores, responsábeis de proxectos de compañías de primeiro nivel no ámbito tecnolóxico, como Visure, Vector (Grupo Banco Santander) ou Tecnocom.
Segundo nos conta o profesor Ignacio Armesto, un dos responsábeis desta actividade, “tratarase de abordar a problemática relacionada con unha das partes máis críticas en todo proxecto: a toma de requirimentos (o que quere o cliente e as especificacións)”. A importancia desta cuestión é fundamental, engade, e máis se temos en conta que un traballo pouco axeitado nestas etapas temperás do proceso de enxeñaría de sistemas e programación acaba por condenar os resultados finais do mesmo ao fracaso, “por moi bo que sexa o posterior traballo de análise, desenvolvemento e aplicación”. Como dixemos, o evento será de entrada libre, pedíndose só a confirmación da asistencia, por mor dun número de prazas limitadas. Isto deberá facerse en vitae@vitaedigital.com.

PUBLICIDADE