CIS Galicia e CESGA organizan o 24 unha xornada sobre as oportunidades de Fortissimo 2 para as nosas PEME

luns, 17 de outubro do 2016 Redacción

O vindeiro 24 de outubro a sede GAIN en Santiago (Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia) vai acoller unha xornada dirixida a expoñer as oportunidades (financiamento, beneficios e aplicacións) para as PEME que abre o uso da computación. Trátase do InfoDay Fortissimo 2, un evento dirixido a empresarios, enxeñeiros e persoal técnico de pequenas e medianas empresas e firmas con máximo de 3.000 traballadores (mid-caps) con actividade en innovación. A organización deste evento corre a cargo do CIS Galicia e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en colaboración coa axencia GAIN. Desenvólvese ao abeiro da segunda convocatoria europea de experimentos sobre aplicacións baseadas en alta computación (HPC) na nube para pequenas e medianas empresas, o Proxecto Fortissimo 2.
Segundo informa o CESGA, “esta convocatoria busca financiar experimentos para estender e demostrar o potencial de negocio dun ecosistema de servizos HPC (computación de alto rendemento) na nube, máis polo miúdo para aplicacións que inclúan simulacións acopladas de procesos físicos ou análise de datos de altas prestacións”. En definitiva, o que se pretende é procurar novas experiencias que complementen e estendan as actividades actuais do proxecto, experimentos que estean enfocados a resolver necesidades de negocio de PEME ou mid-caps do sector da enxeñaría ou da manufactura.
O financiamento máximo por iniciativa empresarial ascende a 175.000 euros (para todos os participantes). Segundo informa o CESGA, a solicitude “resulta sinxela” xa que as propostas non poden superar as 10 páxinas. As empresas que desexen solicitar financiamento contarán co soporte do Centro de Supercomputación para preparar a súa proposta (o centro, de feito, xa axudou a 23 empresas financiadas baixo este programa).
A convocatoria pecha o 7 de decembro. Pódese facer a inscrición a través da páxina web do CESGA, no apartado adicado a Fortissimo II.
As actividades ábrense ás 10.30 coa sesión de apertura a cargo de Sonia Pazos, directora de Centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Logo, ao fío das 10.45, será a quenda de Javier García Tobío, director xerente do CESGA. Máis tarde, contra as 11.00 horas, falará Ignacio López Cabido, subdirector técnico do CESGA, e logo será a quenda de Javier López Cacheiro, técnico superior de Sistemas do CESGA, quen falará de servizos avanzados de información masiva (Big Data). A continuación será a pausa do café, e media hora máis tarde, sobre as 12.00, falará de Fortissimo 2 Andrés Gómez Tato, responsábel de Proxectos do CESGA. Sobre as 12.30 será a quenda de Carmen Cotelo, técnica coordinadora de Fortissimo (CESGA), quen fará un percorrido polas experiencias previas do proxecto. Ás 12.50 horas intervirá Ignacio López Cabido para falar de Sesame.net, a rede europea de centros de competencias en HPC para PEME.

PUBLICIDADE