CIBER.gal acolle a segunda edición do concurso Ciberseguridade no cole

luns, 19 de setembro do 2022 S. P.

A segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, prevista para os días 9 e 10 de novembro en Santiago (Edificio Fontán, Cidade da Cultura), volverá acoller entre as súas actividades un concurso escolar dirixido a centros educativos de Galicia de Primaria e da ESO.
No certame, patrocinado por Telefónica, poderá participar o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO, e os concursantes realizarán unha rolda clasificatoria en liña o día 20 de outubro, na que haberá que responder a unha seria de preguntas sobre a importancia da protección dixital e de poñer en práctica medidas que garantan a salvagarda da información e as comunicacións. Durante esta fase seleccionaranse tres equipos de cada unha das categorías (Primaria e ESO), que participarán nunha final presencial o día 10 de novembro no marco das actividades do Encontro.
Os centros que queiran participar poderán inscribirse neste enlace ata o vindeiro 10 de outubro antes das 14:00 horas. Os organizadores agardan superar os resultados da edición anterior, na que participaron máis de 1.600 escolares en 67 equipos procedentes de toda Galicia.
A segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, promovida e organizada polo Nodo CIBER.gal, reunirá no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela aos principais expertos de España en seguridade informática. Entre eles, teñen confirmada a súa participación o recoñecido especialista en riscos e gobernanza dixital de empresa Ramsés Gallego, ou o investigador de hacking e integrante do equipo de seguridade de IBM Enrique Serrano Aparicio. No Encontro estarán representantes das entidades públicas e privadas que conforman o Nodo CIBER.Gal, entre elas os principais organismos de referencia de ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN) e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE.
A primeira xornada do encontro, o 9 de novembro, estará dedicada á ciberseguridade nas administracións públicas e as empresas. A segunda xornada estará dirixida á cidadanía, e contará, ademais do concurso escolar, con actividades como unha representación teatral sobre a detección dos riscos tecnolóxicos, unha sesión de hacking en directo, obradoiros prácticos ou un concurso para perfiles técnicos Capture the flag.
O Nodo CIBER.gal é un espazo de colaboración público-privado fundado pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

PUBLICIDADE