CESyA presenta un prototipo de anteollos de subtitulado

xoves, 19 de abril do 2007 Raquel Noya

Os subtítulos (ó igual cá música do Fari) son unha espada de dobre fío; mentres algúns devecen por eles, por permitirlles gozar das voces dos propios actores en versión orixinal e tratar de entender o que din mentres len o seu significado (practicando de paso outro idioma), outros aborrécenos. O motivo: aseguran que mentres os len, perden de vista as escenas máis importantes e non poden seguir a película como quixeran.
Gusten ou non, o certo é que hai persoas que dependen deles para poder entender o que se di nunha película, alén de preferencias, por discapacidade auditiva, e (por desgraza) son moi poucos os cinemas que ofrecen esta opción nas súas salas, o que impide que estas persoas poidan exercer un dos seus dereitos fundamentais de acceso á educación e á cultura.
Porén, este problema de falta de solidariedade semella chegar á súa fin con estes innovadores anteollos presentados en Madrid polo Centro Español de Subtitulado e Audiodescrición (CESyA).
Trátase dun sistema de subtitulado individualizado para persoas con discapacidade auditiva que dispón dunha micropantalla conectada ós propios anteollos na que se mostran os subtítulos, os que, convertidos nun sinal de vídeo entran por un circuíto que dispón dunha antena para a súa recepción.
Este sistema de subtitulado individualizado permitirá ás persoas con capacidade auditiva ver películas en salas comerciais con subtítulos de xeito persoal e sinxelo. Funciona con pilas recargables, ten autonomía de tres horas, dispón de controis de acendido, apagado e reinicio e é sen lugar a dúbidas un dos gadgets dos que máis nos alegra ter falado na nosa web.

PUBLICIDADE