CESGA e Appentra convidan aos desenvolvedores a traballar cos seus recursos

venres, 7 de abril do 2017 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a firma Appentra van organizar un encontro con desenvolvedores para favorecer ao máximo o seu traballo cos recursos e experiencia profesional das dúas entidades. Trátase do evento-quedada GPU Hackathon, que se vai desenvolver entre o 29 de maio e o 1 de maio nas instalacións do CESGA en Santiago. Será unha xuntanza de balde, aínda que con aforamento limitado. O obxectivo, informa o CESTGA, “é axudar aos desenvolvedores a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación usando o hardware, o software e o equipo de mentores proporcionados polo CESGA e Appentra”. Ao final do evento, os participantes disporán dunha nova versión acelerada en GPU ou dun roteiro (folla de ruta) para o devandito obxectivo.
As sesións, en palabras do CESGA e Appentra, van dirixidas a calquera que teña unha aplicación de simulación numérica escrita en C/C++ ou Fortran e que desexe acelerar a súa execución. A intención dos organizadores é contar cun equipo de até dúas persoas para cada aplicación. “O noso obxectivo”, explican a maiores, “é que os desenvolvedores tiren o máximo proveito do hackathon traballando no seu código o 95% do tempo, e compartindo experiencia cos mentores expertos en optimización, paralelización e execución de programas de simulación”.
A remate das sesións, buscarase establecer unha relación de colaboración cos equipos para “crear casos de éxito que poidan ser publicados durante os meses seguintes ao hackathon”. Estes exemplos prácticos obterán “ampla difusión nos medios e nas canles especializadas”.

PUBLICIDADE