CESGA, USC e UDC entregaron os Premios Master HPC

xoves, 19 de maio do 2016 Redacción

A semana pasada, finalmente, déronse a coñecer na sede Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) os nomes dos gañadores da quinta convocatoria dos Premios Fin de Estudos Master HPC 2014/2015. No acto participaron a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago, o CESGA, amais de representantes das firmas HP, Bull, Fujitsu, IBM e Lenovo, todas elas patrocinadoras e colaboradoras dos devanditos galardóns. Estes, como lembraremos, veñen concedéndose dende 2011, dirixíndose (xa dende aquela) a salientar a innovación dos nosos futuros profesionais en materia de computación avanzada.
O Premio Excelencia Curricular (Bull) foi para Luis Omar Álvarez Mures. Os Premios Mellor Proxecto Máster foron dar aos seguintes estudantes: o de IBM foi para Brais Bosquet Mera (por Detección e seguimento de obxectivos móbiles mediante busca selectiva), o de Lenovo para Jorge Alberto Suárez Garea (por Clasificación en GPU de imaxes de teledetección baseada en ELM e perfís morfolóxicos), o de Fujitsu para Diego Nieto Muñoz (Integración de clBLAS na libraría de computación heteroxénea HPL) e o de HP para Luis Omar Álvarez (Deseño e implantación dunha solución HPC para Stero Matching).
Amais das devanditas distincións, os Premios Finalistas foron para Mauro Fernández Sanjurjo e máis para Juan Font Alonso.
O xurado estivo composto por Tomás Fernández Pena, coordinador do Master HPC, José Ignacio López Cabido (investigador do CESGA), José María Cavanillas (xefe de Big Data e Seguridade en Atos), David Mosquera Vázquez (xerente comercial de Grandes Contas de HP), Jorge Martín Cabrera (xefe de contas de Administración Pública de PSG, Fujitsu), José Fernando García Ródenas (responsábel para España de Relacións coas Universidades de IBM) e Miguel Terol (Lenovo Technical Sales).

PUBLICIDADE