CENATIC prevé celebrar o Día Mundial do Software libre participando en diversos eventos

luns, 14 de setembro do 2009 Raquel Noya

O vindeiro sábado, 19 de setembro, terá lugar en todo o mundo a celebración do Día Mundial do Software Libre (o Software Freedom Day), destinado a dar a coñecer os beneficios das tecnoloxías abertas a toda a sociedade sen excepcións.
No marco desta iniciativa, CENATIC, o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas, desenvolverá unha intensa actividade de difusión e comunicación ao longo dos vindeiros días que inclúe, entre outras accións, a súa presenza en SIMO Network así como no acto de celebración do Día do Software Libre en Mérida.
O Software Freedom Day é unha celebración de carácter mundial que implica cada ano a institucións, empresas e organizacións cidadás que reivindican con todo tipo de actos esta alternativa de software definida polas libertades para usar, estudar, modificar ou distribuir libremente os programas informáticos, en cuxa defensa se distinguiron as institucións participantes do Patronato de CENATIC.
O programa elaborado para esta edición está orientado fundamentalmente a mostrar que o software de fontes abertas ofrece unha magnífica oportunidade para facer negocios e unha potente ferramenta de desenvolvemento para unha economía sostible que, asemade, é quen de achegar emprego de calidade e permite exportar o coñecemento experto con que contan as empresas españolas.
E para facelo posible, CENATIC estará presente en eventos como SIMO Network, a feira das empresas e os profesionais do sector TIC español, entre os días 22 e 25 de setembro e no Primeiro Congreso Iberoamericano de Coñecemento Libre, que terá lugar en Panamá. Este evento foi considerado estratéxico para promover o debate sobre o uso, desenvolvemento, xestión e aplicación do software de fontes abertas en todo o continente americano, e contará coa presenza de destacados membros do goberno panameño.
Outra actividade que poderá ser seguida dende calquera lugar do mundo é a retransmisión por videostreaming dende Granada dun debate no que intervirán Luis Salvador García, senador e voceiro da comisión I+D no senado, Rafael Delgado Rojas, presidente da Fundación I+D de Software Libre, e José Luis Joyanes Aguilar, profesor titular da Cátedra de Linguaxes e sistemas Informáticos da Facultade de Informática da Universidade Pontificia de Salamanca en Madrid. Esta actividade, programada para o vindeiro 18 de setembro, poderá ser seguida a través da web de CENATIC, e desenvólvese en colaboración coa Asociación Comunidade de Redes de Telecentros de España.

PUBLICIDADE