CEL Lugo creará unha plataforma virtual para favorecer o medre exterior das empresas da alimentación

luns, 14 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Tirar proveito das redes e dos contornos colectivos de traballo e formación que estas ofrecen, con vistas a facer en compaña de outras/os o que até o de agora había que facer pola nosa conta. Este é un dos grandes obxectivos do proxecto Lan Pymexport, iniciativa posta en marcha polo Departamento de Comercio Exterior da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para facilitarlles ás empresas galegas e portuguesas do eido alimentario todo o traballo relacionado coa procura de mercados externos. O proxecto en cuestión, iniciado ao abeiro do programa europeo POCTEP, conta co apoio de ANFACO-CECOPESCA, a asociación galego-estatal de conserveiros e principal beneficiara deste desenvolvemento xunto co Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), o Centro de Inovaçao de Tras-Os-Montes e Alto Douro (Citmad) e o Business Innovation Centre do Minho (BIC Minho).
Entre os elementos que inclúe a iniciativa inclúese unha estrutura compartida para a achega de servizos de aprendizaxe a distancia (e-learning) especializada en cuestións de internacionalización.
Isto será posibles grazas a unha plataforma virtual que actuará de instrumento para a cooperación das empresas galegas e portuguesas (arredor de cincuenta, todas elas ligadas á alimentación) e a súa saída exterior con meirandes opcións de éxito. “Para lograr estes obxectivos”, informa CEL, “farase fincapé na cooperación e nos importantes niveis de competitividade que se acadan a través dela”. Os pasos a seguir polo proxecto comezarán coa captación e a selección das compañías participantes, pasándose logo a unha segunda fase, a principal, que se apoiará na creación de grupos de entre cinco e seis empresas que teñan produtos complementarios, achegándolles asesoramento na posta en marcha de miúdas unidades de negocio ou comercialización que lles permitan melloras de todo tipo: de presentación dos seus produtos, de localización dos puntos exactos do mercado onde actuar, etc.
A terceira parte do proxecto incluirá o desenvolvemento propiamente dito da plataforma virtual, paso definitivo para facilitar a concorrencia real das unidades de negocio xeradas na fase previa. Segundo indica CEL, trátase dun recurso técnico ao servizo de compradores profesionais (maioristas, almacenistas e provedores) da Unión Europea, fornecéndoos de procesos para facer o máis doado posible o peche de operacións comerciais reais, optimizando recursos e minimizando custes. A posta en marcha da iniciativa prolongarase até finais de 2012. A partir dese intre, buscarase que as empresas beneficiadas teñen a capacidade precisa para desenvolver a súa actividade internacional de xeito autónomo, ao tempo que serven de exemplo e de modelo de formación para outras firmas que veñan detrás.

PUBLICIDADE