Buydeal, recoñecida co Premio Manuel Beiras pola súa aposta polo galego

xoves, 12 de decembro do 2013 Redacción

Este xoves a Cámara de Comercio de Santiago celebra a entrega de galardóns da XIV edición do Premio Manuel Beiras, un certame que quere recoñecer o esforzo que realizan as empresas e institucións do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega. Así pois, a Cámara de Comercio e o Concello de Santiago resolveron os galardóns desta edición, á que se presentaron arredor de 50 candidaturas, resultando vencedoras: a empresa de comercio on-line Buydeal -da que xa falamos en Código Cero- que recibiu a distinción dentro da categoría de Incorporación ao uso do galego.
Lembrar que Buydeal é unha plataforma de promoción do comercio galego que emprega o márketing local para o comercio de proximidade, aumentando a visibilidade, indo á procura de novos clientes de xeito inmediato, sen adiantos nin custos fixos. Baixo o lema Tes plans para hoxe?, a empresa trata de difundir os produtos e servizos dos seus anunciantes a través das canles propias e da súa colaboración co grupo El Progreso. Está dirixida polos emprendedores Jacobo Chouza e Ángela Rodríguez. En 2011 foron a empresa gañadora do mellor proxecto de negocio on-line dos Premios Eganet e en 2012 recibiron o premio ao mellor desenvolvemento 2.0 do premio Innova-G. O xurado salientou o seu carácter “dinámico, innovador, imaxinativo, divertido e cunha forte capacidade de interacción co usuario”, amais de incidir no valor engadido que ten a lingua galega en portais web de tan intensa proxección comercial en termos de impacto e visualización.
Na categoría de Uso continuado da lingua galega, alzouse co galardón a empresa Pedra Salgada, un negocio de limpeza e xardinería creado en 2005. Os seus responsables e socios son Elías Rozas, José Ángel González e Antonio Calviño. Asemade, estes empresarios composteláns contan nova idea empresarial, Nadal Verde, onde alugan árbores naturais para Nadal.
E a Distinción especial recaeu no escritor, director e profesor de Lingua Galega e Literatura do Instituto Xelmírez I de Santiago, Manuel Portas Fernández, afincado en Santiago de Compostela. Os membros do xurado acordaron entregarlle esta distinción por ser súa a idea creadora do propio premio Manuel Beiras, desde o seu impulso até a súa consolidación actual como referente no espallamento social da lingua galega.

PUBLICIDADE