Bull prepara unha sesión demostradora de solucións de virtualización, a celebrar en xuño

venres, 25 de maio do 2012 Raquel Noya

Alá para o xoves, 14 de xuño, o Centro Demostrador TIC de Galicia, que xa leva máis dun ano funcionando como expositor por excelencia das ferramentas tecnolóxicas galegas, vai celebrar unha nova sesión demostradora de solucións de virtualización, que desta volta organiza a empresa Bull.
Na sesión presentaranse as últimas solucións desta firma para a optimización dos Centros de Proceso de datos a partir da virtualización, que é, nas súas palabras, “un elemento imprescindible para o funcionamento dunha organización” á hora de maximizar o aforro e mellorar tanto a dispoñibilidade da información como o mantemento e rendemento de sistemas críticos.
A xornada, ademais do propio persoal de Bull, que falará dos seus servidores bullion desenvolvidos para virtualización, contará coa colaboración de Red Hat, que aportará a súa visión dende o punto de vista do sistema operativo optimizado para virtualización.
A sesión dará comezo a partir das 11:00 horas coa presentación dos relatores da man de Carlos González, responsable de Desenvolvemento de Negocio de Bull en Galicia, para dar paso, a continuación, a Rafael Amorós, tamén de Bull e a Tomás von Veschler, solution arquitect de Red Hat, que versará o seu relatorio nos beneficios e vantaxes diferenciais na virtualización de aplicacións críticas de negocio.
A última das intervencións será unha demostración práctica de como opera bullion, o servidor para virtualización “máis potente e escalable do mercado”, segundo a súa opinión, que se encargará de facer Rafael Amorós, director de Servidores de Bull.
A sesión vai dirixida principalmente a administradores de Sistemas e CIOs, e para inscribirse é necesario facelo a través da web do CDTIC.

PUBLICIDADE