Bull deseña un supercomputador con potencial para ler dous mil millóns de libros nun segundo

venres, 16 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A investigación europea ten un novo puntal da man de GENCI, organización francesa especializada en informática e en alto rendemento. Máis polo miúdo, trátase da posta en marcha, ao abeiro da entidade, do supercomputador Curie, chamado así en honra da senlleira investigadora Marie Curie, responsábel en boa medida dos principais achados relativos á radioactividade. O equipo, deseñado por Bull, “abre posibilidades sen precedentes para a investigación industrial e académica europea”, sinala a compañía. Para facérmonos unha idea do seu potencial cómpre pensar que equivale a ler dous mil millóns de libros nun só segundo.
Este é o nivel de rendemento do supercomputador, xa dispoñíbel para todo tipo de proxectos de investigación. Curie, sinala Bull, é quen de acadar até 2.000 billóns de operacións por segundo (ou 2 petaflops por segundo), consta de máis de 92.000 núcleos de proceso, ligados a un sistema que pode amorear o que equivale aos arquivos MP3 de 7.600 anos, a unha velocidade de 250 xigas por segundo, “100.000 veces máis rápido có logrado a través dunha conexión ADSL ultrarrápida”.
A previsión é de que a arquitectura do aparello, combinada coa potencia do proceso e da capacidade datos, permita un alto nivel de traballo investigador. Permitirá, informa a entidade GENCI, abordar os maiores retos científicos endexamais emprendidos, en eidos como a climatoloxía, a astrofísica ou as ciencias da vida.
O supercomputador achegouse en dúas quendas, a finais de 2010 e a finais de 2011. Arestora está instalado e coa configuración xa foi probada, está dispoñíbel para a comunidade de I+D mundial. Na fase previa de probas, leváronse a cabo traballos como o que liderou en decembro Michel Caffarel dende o laboratorio de Física e Química do Centre National de la Recherche Scientifique da Universidade Paul Sabatier de Toulouse, e que consistiu nun estudo pormenorizado do comportamento do fenómeno químico no proceso de dexeneración das neuronas, facendo fincapé na evolución de doentes de Alzheimer. Os investigadores déronlle forma aos procesos que levan a cabo os ións metálicos que participan nestes procesos.

PUBLICIDADE