Bruxelas volve a acusar de prácticas monopolísticas a Microsoft

luns, 19 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A Comisión Europea remitiu a Microsoft un prego de cargos no que acusan á compañía norteamericana de distorsionar o mercado dos navegadores de Internet ao vincular o Internet Explorer ao sistema operativo Windows, o que «mina a innovación e finalmente reduce as opcións do consumidor», dando a Microsoft 8 semanas para responder aos cargos.
Lembremos que Microsoft xa tivera que facer fronte a varias sancións por abuso de posición monopolística, aínda que nos casos anteriores era por evitar a competencia nas aplicacións de reprodución multimedia, e agora son os navegadores os que están no punto de mira da U.E., que ve coma Microsoft domina o 86% do mercado, o que resulta rechamante porque practicamente todos os fabricantes de sistemas operativos inclúen un navegador por defecto, e nos últimos meses se comentou a posibilidade de que varios fabricantes incorporasen de serie tamén o Google Chrome, xunto con outras aplicacións de Google, compañía contra a que a Comisión Europea non está a emprender medidas pese a que xa controla máis da metade da publicidade da Internet, e case a totalidade das buscas en países como España, polo que podería ser unha ameaza á competencia moito maior que Microsoft.

PUBLICIDADE