Brión convoca un curso de Internet Explorer

mércores, 9 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O Concello de Brión, un dos concellos galegos que máis teima pon na inclusión das TIC no seu entorno (apostando, entre outras cousas, pola formación tecnolóxica dos seus veciños e veciñas), vén de convocar un novo curso dirixido a que a veciñanza integre Internet na súa vida cotiá, para o que precisa formación nas ferramentas axeitadas.
O curso é de Internet Explorer, e vai dirixido a todos aqueles veciños e veciñas que desexen aprender a manexar con soltura este navegador e que teñan coñecementos previos no manexo do Windows. As clases terán lugar no telecentro de comunicacións da vila coruñesa os luns, mércores e venres entre o 28 de marzo e o 18 de abril, ata completar un total de 20 horas lectivas.
O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro luns, 28 de febreiro, e para inscribirse, as persoas interesadas deberán achegarse á Casa da Cultura persoalmente ou chamar ao teléfono 981 509 908. A cota de inscrición é de 30 euros e o alumno ou alumna poderá escoller entre o horario de mañá (de 10:30 a 12:30 horas) ou de tarde (de 20:00 a 22:00 horas).

PUBLICIDADE