Brión convoca aos veciños para dixitalizaren o seu pasado

mércores, 5 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

As capelas do Tremo de Brión

En concellos tan curtidos na Sociedade do Coñecemento como o de Brión, se non é o Goberno local ou os investigadores da Universidade de Santiago os que poñen en marcha iniciativas de desenvolvemento local a través da Rede (granxafamiliar.com, Infobrión), son os propios veciños os que argallan cada pouco novos xeitos de tirarlle partido ao dixital. E que mellor que recuperando o seu pasado a través do rexistro e documentación de imaxes antigas da vida no concello? De levar a cabo un proceso de recuperación de fotografías do pasado brionés (unha práctica que xa ten dado sinais positivos de normalización TIC entre os nosos maiores, neste e noutros concellos) é do que trata a nova iniciativa da Asociación o Esquío no Piñeiro, que xa reuniu e dixitalizou máis de 700 fotos nos últimos tres meses.
A iniciativa, levada a cabo en colaboración co Concello, diríxese a preservar e conservar o patrimonio fotográfico brionés e mesmo poder publicar un libro sobre costumes no municipio. Nestes tres meses que levan recollendo fotografías, a asociación conseguiu a colaboración de veciños e veciñas de todas as parroquias de Brión, “polo que a escolma de imaxes está a ser moi variada”, informan os responsábeis da campaña. As fotografías máis antigas recollidas datan da primeira década do século XX e a gran maioría correspóndense con celebracións relixiosas (vodas, comuñóns, procesións...), festas e xuntanzas tradicionais, retratos de familiares e amigos, partidos de fútbol... Asamde, recolléronse tamén imaxes das distintas parroquias de Brión. Dende O Esquío no Piñeiro lembran que os veciños e veciñas que queiran colaborar nesta iniciativa que poden achegar as súas fotografías de dúas maneiras: dixitalizadas a través do mail oesquio@gmail.com ou ben persoalmente nas dependencias da Biblioteca Municipal do Concello de Brión, onde as fotografías serán dixitalizadas e devolveranse no mesmo intre.

PUBLICIDADE