Brión achégalle á veciñanza unha canle de TV en liña para promover o concello

xoves, 4 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O Concello de Brión prosegue o seu camiño dixital a paso firme. Se hai pouco falamos nesta web das 70.000 visitas que acadaron as súas páxinas municipais agora toca retomar a súa andaina tecnolóxica para dar conta do seu novo proxecto, unha iniciativa a medio camiño entre o audiovisual e o informático dirixida a abranguer o máis participativo dos dous mundos. Estamos a falar de BrionTV, un novo portal web destinado a amosar o máis salientable (turística, social, humana e economicamente falando) do concello coruñés perante a comunidade internauta A proposta, que se articula arredor de vídeos sobre Brión, abrangue todo tipo de temáticas, dende as culturais ás deportivas, pasando polo relacionado coas infraestruturas e a vida cotiá dos seus habitantes, sinala Julio Mallo Nieto, técnico municipal de novas tecnoloxías.
BrionTV, posta en marcha hai ben pouco, xa conta coa súa primeira escolma audiovisual, doce vídeos de presentación que en breve completaranse coas achegas que vaian facendo as veciñas e veciños de Brión, “así como calquera internauta que teña unha gravación relacionada co municipio”. Con estas achegas, engade o Concello, procurarase crear un arquivo de vídeos locais que, a longo dos anos, “constituirán de seguro unha riqueza dixital de gran valor”.
Calquera persoa que queira ver os seus vídeos habilitados en BrionTV, blog ao que se pode acceder tamén dende a web municipal, só terá que cubrir o formulario existente no caderno. O único requirimento técnico a cumprir é que a gravación teña que estar subida a Youtube, xa que polo de agora a plataforma só admite vídeos destas características.
A día de hoxe, BrionTV conta cun total de 12 entradas: catro relacionadas coa paisaxe brionesa (as Torres de Altamira, a capela de Santa Minia, os muíños do municipio e San Xulián de Bastavales), tres sobre deportes (sobre partidos do Bastavales), dúas sobre mocidade e a súa viaxe a Valencia, dúas de infraestruturas (sobre o estado do IES de Viceso e un paseo pola AG-56) e unha de festas (coa ximcana da Festa do Cabalo 2009).

PUBLICIDADE