Brave denuncia que Google vulnera o Regulamento Xeral de Protección de Datos

martes, 17 de marzo do 2020 Marcus Fernández

O navegador web Brave, que pon a privacidade do usuario como máxima prioridade, anima ao seu uso indicando as malas prácticas dos seus competidores, polo que veñen de presentar unha queixa formal ante distintos organismos europeos denunciando que Google infrinxe a Regulamento Xeral de Protección de Datos (GDPR) por non limitar o uso dos datos que recolle.
Dende Brave lembran que a GDPR establece limitacións ao uso dos datos, para que se empreguen unicamente coa finalidade indicada cando se recollen e, durante as súas investigacións constataron que Google recolle numerosa información persoal que logo emprega indiscriminadamente, o que infrinxiría a lexislación europea.
Aseguran que Google deberá deixar de dar de alta aos seus usuarios e todos os seus produtos e sistemas de recompilacións de datos; non poderían solicitar autorización para o uso de datos para varios propósitos de xeito unificado; non poderían conseguir unha vantaxe competitiva combinando datos persoais das súas distintas divisións; e os usuarios deberían ter opcións para elixir a granularidade coa que Google utiliza os seus datos (ou sexa, que debería haber unha separación funcional entre os distintos servizos).
Un exemplo claro do uso que fai Google dos datos é cando recolle a localización do usuario, que nunhas ocasións o faría para poder guiarnos nun navegador GPS, pero noutras sería simplemente para amosar a versión local dun servizo ou elixir o idioma de xeito automático, pero ao pedir o permiso para calquera destas actividades non estaría a advertir que tamén empregaría os datos con finalidades publicitarias, ou sexa, que non se trata só do uso que Google fai dos datos persoais, senón da deficiente información que dá ao respecto.
Haberá que ver se as autoridades europeas toman en serio as acusacións de Brave (que ao ser dun competidor directo habería que tomalas con precaución), pero de ser así non falaríamos só de sancións para Google, senón de cambios moi profundos no seu funcionamento ordinario.

PUBLICIDADE