Bota a camiñar un novo medio en liña galego: o Xornal Dixital de Muros e Noia

venres, 2 de agosto do 2013 Fernando Sarasketa

Esta semana informóusenos da posta en marcha dun novo medio dixital galego e en galego, cousa que sempre é motivo de ledicia. Trátase do Xornal Dixital de Muros e Noia, que comezou recentemente a súa andaina e que, como o seu propio nome indica, diríxese a achegar cobertura comarcal aos concellos que abeiran a ría do mesmo nome, dende Muros a Porto do Son pasando por Outes, Mazaricos, Lousame e Noia (a vertente norte de Barbanza). O xornal ten un deseño de seu, ceibe de atrancos visuais: unha feitura propia con informacións ben artelladas ás que é moi doado localizar e acceder.
A nivel de contidos, centrarase en achegar información sobre a comarca e entrevistas coa veciñanza (estes días, para facernos unha idea do que vai ser o seu miolo, vemos reflectidos eventos como a Mostra Muradana de Artesanía, a visitas guiadas de Noia Histórica pola contorna do casco vello da vila ou as novidades referentes aos moitos clubs deportivos da comarca). O Xornal Dixital de Muros e Noia púxose en marcha cunha arela de crear comunidade, abeirándose ao que de seu teñen as redes sociais (os servizos 2.0). Isto significa entre outras cousas que está aberto á colaboración total. Así nolo contan os responsábeis do medio: “Se vos gusta escribir artigos ou queredes dar a coñecer a vosa asociación, partido político ou club no que militades, contade con nós como unha ferramenta de información”. O xornal ponse a disposición da veciñanza a través da conta xornalmurosnoia@gmail.com Ou nas redes sociais Facebook e Twitter.

PUBLICIDADE