Bota a andar un curso de coñecementos avanzados sobre eAdministración para empregados públicos
martes, 13 de setembro do 2022
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a AMTEGA inauguraron hoxe a décimo segunda edición do
Curso Superior de Administración Electrónica 2022 nun acto celebrado
no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago
de Compostela, presidido pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; a
directora da Área de Administración Dixital da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia, María José García Sexto; e o presidente do CPEIG, Fernando
Suárez.
O
presidente do CPEIG analizou os obxectivos da Axenda España Dixital 2025,
centrada no impulso da transformación dixital que axudará ao desenvolvemento do
Estado, co despregamento do 5G, o reforzo da ciberseguridade, a dixitalización
das administracións públicas e das empresas, o desenvolvemento da economía do
dato, a Intelixencia Artificial e os dereitos dixitais da cidadanía, entre
outros. “Esta axenda marca que en 2025, o 50% dos servizos públicos estarán
dispoñibles en app móbil e simplificarase a relación da cidadanía e empresas
coas administracións” –asegurou–. Tamén España Dixital 2025 tentará pechar as
fendas dixitais (socioeconómicas, de xénero, xeracionais, territoriais ou
ambientais). “Preténdese conseguir que en 2025 o 80% das persoas teñan
competencias dixitais básicas, a metade delas mulleres” –indicou.
Para
alcanzar estes propósitos, Fernando Suárez apuntou que as organizacións
públicas deben “cambiar, moverse e
actuar”, tendo como centro da transformación ao cidadán e os servizos que se
lle ofrecen.
María
José García Sexto sinalou que a Administración autonómica leva máis dunha
década traballando nun proceso continuo de transformación dixital que se
reflicte, entre outros indicadores, nun incremento da relación telemática dos
galegos coa administración.
En
2021, o 85% das entradas no sistema único de rexistro da Xunta de Galicia
proceden de canles dixitais, fronte ao 53% no 2019. Nestes anos, Galicia acadou
unha situación de madurez no proceso de transformación dixital que permite
abordar agora unha nova etapa que quedou recollida no “III Plan de
Administración e Goberno Dixital. 2025”, aprobado este ano polo Consello da
Xunta, “un plan cuxa finalidade última é favorecer unha mellor relación coas
persoas, propiciando unha administración proactiva a partir do coñecemento que
os datos aportan, consolidando un modelo de atención integral independentemente
da canle de acceso, e especialmente simplificando e facilitando o uso dos
servizos dixitais por parte da cidadanía”, engadiu García Sexto.
Pola
súa parte, Sonia Rodríguez-Campos apuntou que desde a Administración pública
débese continuar traballando para “consolidar un goberno dixital máis eficaz e
eficiente que permita resolver novos desafíos e ofrecer mellores servizos”.
Afirmou que o obxectivo é avanzar cara a unha administración electrónica
aberta, máis transparente e colaborativa que favoreza a participación da
cidadanía. “Un contexto de evolución como o actual, inexorablemente, trae
consigo cambios tecnolóxicos e nos procesos de traballo que fan imprescindible
a reciclaxe profesional e a adquisición de novas habilidades e coñecementos por
parte do persoal empregado público”– indicou.
Presente e futuro da administración electrónica
O presidente
de Alastria e cofundador e CEO de Add4U, Miguel Ángel Domínguez, impartiu unha conferencia maxistral
tituladaPtronae e futuro da administración electrónica. Domínguez
analizou o papel das tecnoloxías disruptivas destinadas a resolver problemas
tradicionais do sector público, tales como a robotización RPA, automatización
Low Code e BlockChain para automatizar a tramitación de expedientes públicos.
“A
rápida evolución tecnolóxica e os avances nas solucións tecnolóxicas, como
Robotización RPA, automatización Low Code, iBPM, ou BlockChain para a
transformación dixital das administracións e as empresas públicas, deron lugar á
aparición de novos sistemas, metodoloxías e ferramentas que favorecen a
eficacia e a eficiencia da xestión dos procedementos produtivos e
administrativos das empresas públicas incorporando actualizacións tecnolóxicas,
normativas de interoperabilidade, de seguridade ou de accesibilidade, entre
outras”– sinalou.
Adicionalmente,
Domínguez explicou que os últimos cambios lexislativos, especialmente no
relativo ás novas leis 39/2015 e 40/2015, do 1 de outubro, do Procedemento
Administrativo Común e de Réxime Xurídico do Sector Público, fan imprescindible
para os organismos públicos a adaptarse para poder enfrontar o cumprimento dos
novos retos legais e de calidade de servizo que terán que propiciar o cumprimento
da citada lexislación. “Nesta sesión, analizamos como esas ferramentas permiten
á administración adaptarse aos novos cambios legais e tecnolóxicos para
mellorar a experiencia de usuario da cidadanía e empresas aos que a
administración presta os seus servizos, analizando as últimas tecnoloxías
dispoñibles”– argumentou.
Formación transversal
Esta
actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico-
xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración
electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas
Administracións galegas. A dirección académica está a cargo do presidente do
CPEIG, Fernando Suárez. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos
enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os
seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este
curso superior, que servirá para dar formación a 70 empregados públicos,
desenvolverase do 13 de setembro ao 25 de outubro. Cun total de 114 horas
lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas
presenciais en Santiago de Compostela os días 13, 20 e 27 de setembro e 4, 11 e
25 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas
de teleformación.