Bota a andar o plan de substitución de baterías degradadas dos iPhone a 29 euros

martes, 2 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A semana pasada Apple anunciou que, ante a polémica creada ao redor da súa falta de comunicación e transparencia sobre un cambio de iOS que fai que os móbiles con baterías degradadas reduzan a súa velocidade, reducirían o prezo da substitución das baterías afectadas, estando previsto este programa a partires de finais de xaneiro e até o remate de 2018, pero finalmente parece que o programa xa está operativo dende a pasada fin de semana segundo comunicaron a TechCrunch, de xeito que, os usuarios que teñan un iPhone 6/6 Plus/ 6s/6s Plus/SE cunha batería en mal estado poidan proceder á súa substitución a un prezo de 29 euros mentres que o prezo anterior era de 89 euros.
Cómpre lembrar que a degradación de baterías é algo habitual en todos os smartphones e, de feito, todos os fabricantes consideran o elemento como se dun consumible se tratase, de xeito que non ten o mesmo tratamento que o resto do terminal a efectos de garantía, pero no caso que nos ocupa non estariamos nun caso xeral porque Apple sería o primeiro fabricante do que se sabe que modificou o software dos seus terminais para mudar o seu comportamento en función do estado das baterías, algo que claramente debería ter comunicado aos consumidores para proceder en consecuencia. De feito, Apple insiste en que as modificacións de iOS que afectan ao rendemento dos seus móbiles cando teñen baterías degradadas é unha medida que consideran positiva, pese a que moitos consumidores prefiran ver como o móbil perde autonomía paulatinamente antes que padecer descensos de rendemento.

PUBLICIDADE