Bota a andar a tenda en liña de produtos tecnolóxicos Quipup

martes, 10 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Nas vendas en liña trunfan as viaxes, os billetes para espectáculos e, como non, os produtos de tecnoloxía, e para achegar ao público unha boa oferta de trebellos electrónicos a prezos atractivos chega hoxe dende Vigo unha nova tenda en liña, Quipup, que leva varias semanas dándose a coñecer a través dun vídeo no que convidan a transeúntes a pronunciar o nome da súa marca (Kuipap? Kipap? Kuipup? Kipup?) e unha promoción na que sortearon un robot BB-8, que será un dos xoguetes tecnolóxicos estrela no vindeiro Nadal.
Precisamente sobre o Nadal a propia tenda en liña adianta que dende o 12 de decembro terá un 20% de desconto en todas as súas compras, rebaixa superior ao 17,36% que temos nos famosos días sen IVE que celebran distintas cadeas de electrónica de consumo, polo que será unha grande oportunidade para facerse con certos produtos como agasallo para o Nadal.
Quipup ofrece unha interesante selección de smartphones, tabletas, wearables, accesorios (fundas, cargadores, teclados Bluetooth, baterías externas...), auriculares, altofalantes, tarxetas de memoria, discos duros, pendrives e outros produtos que se irán incorporando nas vindeiras semanas buscando sempre unha boa experiencia como reza o seu lema “enjoy shopping, enjoy tech” (goza da compra, goza da tecnoloxía). As entregas realizaranse en 24 horas, con portes de balde a partires dos 150 euros e empregando sistemas de pagamento seguros para tranquilidade dos compradores.
Detrás deste proxecto están Sergio Costa, Rafa Lojo e José Alcañiz, profesionais con grande experiencia en proxectos en liña, que acompañados pola súa mascota Quippy buscan crear a mellor tenda de tecnoloxía en liña posible, segundo podemos ver no seu blog, que é unha fiestra aberta a esta iniciativa de comercio electrónico.

O sorteo dun robot BB-8 foi un dos cebos para dar a coñecer esta nova tenda en liña

PUBLICIDADE