Bota a andar Enkenda, un espazo virtual para traballos de pequena construción en Galicia
venres, 11 de febreiro do 2011
O sector da construcción, por
tratarse dun sector clave na economía do noso país, é un dos que máis sufríu e
sofre os efectos adversos desta crise mundial e son moitos os profesionais
deste eido en Galicia que non atopan solución a curto prazo.
Porén, as novas tecnoloxías e
Internet sempre están á man para contrarrestar un pouco a falta de iniciativa e
oportunidades en calquera sector e os profesionais da construcción en Galicia
acaban de verlle o seu aquel.
Co lema “Profesionais dende outra perspectiva” responsables deste colectivo
na nosa Comunidade veñen de poñer a andar
Enkenda, unha plataforma na Rede que funciona a modo de punto de encontro
virtual para tódolos colectivos relacionados coa construcción en Galicia, é
dicir, carpinteiros, torneiros, canteiros, escaiolistas, electricistas… que se
poñen a disposición das persoas interesadas en contratalos tan só a golpe dun “click”.
Esta ferramenta pon en contacto a
profesionais que teñen en común “a
calidade e o rigor no traballo” con futuros clientes interesados en levar a
cabo todo tipo de obras relacionadas coa vivenda e a xardinería en calquera
punto da nosa xeografía.
Enkenda, que contou coa
colaboración de A Navalla Suíza, ofrece información detallada sobre cada
profesional e empresa que integra e achega diversos vídeos nos que dan a
coñecer a súa forma de traballar “in
situ”.
A ferramenta online permite, entre outras cousas, contactar con cada profesional
directamente e pedir orzamento de balde e sen compromiso; porén o máis
destacable da web é o servizo Enkenda
Plus, que permite a coordinación e supervisión dos proxectos a levar a
cabo, destinado a aquelas persoas que non saben por onde comezar ou non teñan
tempo para visitar e comprobar o bo transcorrer das obras.
Aproveitando as vantaxes da Rede
2.0, máis interactiva e comunicacional, o sistema tamén permite que os propios
usuarios valoren os traballos das empresas que contrataron, xerando, deste
xeito, unha “rede de confianza” na
que se achegan as valoracións positivas e negativas de cada servizo.
Os profesionais que se queiran
adherir a Enkenda, que por certo foi premiada polo Concello de Santiago no
pasado mes de novembro como Nova Idea
Empresarial 2010, non teñen que
pagar nada e, segundo os seus creadores, o único requisito que se pide é “demostrar a calidade”.
Enkenda é un proxecto de Pablo
Oubiña (Vilagarcía de Arousa, 1978), enxeñeiro de edificación e arquitecto
técnico que traballou durante oito anos en empresas construtoras.