Bos resultados financeiros de Apple

martes, 18 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Tim Cook pensa que o iPad aínda está sen auténticos rivais no mercado

Hoxe foi a data na que Apple fixo público o informe cos seus resultados financeiros do primeiro trimestre fiscal do ano (que remata o 25 de decembro), casualmente un día despois do anuncio de que Steve Jobs principiaba unha baixa médica (información publicada nun día festivo en EE.UU., ou sexa, cos mercados bolsistas pechados), polo que dá a impresión de que buscaban compensar unha información con outra, xa que Apple vén de rexistrar uns ingresos de 26.740 millóns de dólares e uns beneficios netos de 6.000 millóns de dólares, superando sobradamente os datos do exercicio anterior (cuns ingresos de 15.680 millóns de dólares e uns beneficios de 3.380 millóns).
Ao parecer estes resultados positivos estarían provocados polas boas vendas dos ordenadores Mac (4,13 millóns de equipos), os iPhone (16,24 millóns de terminais), os iPad (19,45 millóns de reprodutores) e os iPad (7,33 millóns de unidades), que nos 2 primeiros casos suporían un incremento de vendas interanual do 23 e o 86% respectivamente.
Amais, o recente lanzamento dun iPhone 4 para redes CDMA comercializado inicialmente pola operadora Verizon deixa claro que o vindeiro trimestre van manterse os fortes resultados pese a non corresponder xa á campaña de Nadal, que influíu especialmente ás boas vendas do iPad, dispositivo que segundo Tim Cook (o relevo de Steve Jobs á fronte de Apple) continúa sen ter rivais de peso, pois considera que as máquinas con Windows son demasiado grandes, pesadas e caras, mentres que os actuais tablets con Android non son máis que teléfonos agrandados, mentres que os prometedores tablets con Android 3.0 que puideron verse no CES de Las Vegas son polo momento fume, pois na meirande parte dos casos nin se coñecen os prezos e as datas dos seus lanzamentos.

PUBLICIDADE