Boiro acollerá un ciclo de charlas sobre TIC impulsado polo Concello e o Espazo Familias

mércores, 16 de febreiro do 2022 S. P.

O Concello de Boiro, ao abeiro da súa colaboración cos centos educativos do municipio, impulsou unhas xornadas formativas para as familias e persoas interesadas na poboación infantil e xuvenil e que levan por título Cando as pantallas educan. A concelleira de Educación, María Outeiral, e o concelleiro de Servizos Sociais, Raúl Treus, estiveron na presentación da actividade xunto co persoal directivo do CEIP e o IES do municipio.
A iniciativa xorde do proxecto Espazo Familias, a través da súa Escola de Nais e Pais (ENAPA). No marco dela, desenvolveranse unhas xornadas divididas en cinco sesións entre os meses de febreiro e maio, vertebradas en torno ao impacto das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) entre os menores de idade. O obxectivo destas xornadas ofrecer “un espazo de formación, reflexión e participación para as familias de Boiro que sobrepase os muros de cada un dos centros”.
As conferencias están centradas en distintas temáticas como a importancia das redes sociais; o uso problemático e as adiccións; a contorna dixital como espazo de interacción social, emocional e sexual, etc. A finalidade “é levar a cabo unha reflexión e poñer sobre a mesa posíbeis solucións”. Todas as charlas serán impartidas por profesional de diversos ámbitos e por axentes locais vinculados.
“Dende o Concello queremos facer fincapé na necesidade desta iniciativa e destas charlas que abordan un tema que está no día a día das familias” recoñeceu a concelleira María Outeiral. As xornadas desenvolveranse en horario de tarde na Casa da Cultura de Boiro e posteriormente poderán visualizarse tamén na Rede. Para participar é preciso inscribirse na páxina web espazofamilias.org.

PUBLICIDADE