Boiro acolle un obradoiro da Cruz Vermella para achegar as TIC ás persoas maiores

martes, 15 de febreiro do 2022 S. P.

Boiro acolle esta semana unha actividade encadrada dentro do proxecto Enredando que leva a cabo a Asemblea Local da Cruz Vermella Española e co que se busca reducir a fenda dixital (agravada pola pandemia) e achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores. A actividade será este xoves 17 de febreiro en horario de 11.00 a 13.00 horas na praza de Galicia.
Con esta iniciativa Cruz Vermella de Boiro busca, mediante a capacitación dixital, evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade ou nivel educativo. Con ela as persoas maiores poderán coñecer máis sobre Internet, que é, as súas vantaxes e usos, como funciona o buscador ou como se desenvolve a comunicación mediante correo electrónico.
O obradoiro conta tamén cun apartado sobre a instalación e emprego de Whatsapp e páxinas web de interese como pode ser a do SERGAS ou a banca electrónica.
O Concello de Boiro e Cruz Vermella colaboran para levar a cabo actividades encamiñadas á integración social de persoas e colectivos vulnerábeis ou en risco de exclusión. Entre os programas que se levan a cabo durante todo o ano está a atención de necesidades básicas, apoio escolar e educativo, intervención familiar con nenez en risco ou prevención de condutas violentas na adolescencia.

PUBLICIDADE