Boiro, Foz, O Barco e Vigo acollen este martes unha xornada sobre os requerimentos das estacións base de radiocomunicación

martes, 11 de outubro do 2011 Redacción

As aulas CeMIT de Boiro, Foz, O Barco de Valdeorras e Vigo dan acubillo este martes 11 a unha xornada formativa destinada aos técnicos municipais e responsables dos gobernos locais con competencias en materia de urbanismo e novas tecnoloxías. Na xuntanza, que vén da man do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Secretaría Xeral de Modernización, están a participar 41 profesionais de 28 concellos da catro provincias galegas. A finalidade deste evento, que se insire nunha estratexia formativa destinada a técnicos dos 315 concellos galegos, é achegar coñecemento para a tramitación das licenzas municipais na instalación de estacións base de radiocomunicación, tanto no relativo ás urbanísticas como ás de nova apertura ou funcionamento.
Segundo informa Modernización, serán 20 as xornadas formativas que se insiren na colaboración entre o departamento da Xunta e o COETG, repartidas por toda a Comunidade galega e a celebrar nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT). As xornadas comezaron en setembro e desenvolveranse polo resto da Comunidade ata o 25 de outubro. A duración de cada un dos cursos é de catro horas en horario de catro a oito da tarde e estarán dirixidos por Enxeñeiros de Telecomunicación con gran experiencia neste campo e pertencentes ao COETG.
Nas clases explícanse as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas, dende a normativa vixente en materia de telecomunicacións ou ambiental, a aplicación do Código de boas prácticas e ordenanza tipo aprobada pola Comisión Sectorial para o Despregue de Infraestruturas de Radiocomunicación (CSDIR) ata aspectos relativos á seguridade e saúde así como as diferentes tecnoloxías dispoñibles na actualidade.

PUBLICIDADE