Boiro, A Estrada e Vilagarcía de Arousa xa voan a 100 Mbps a través de R

mércores, 1 de febreiro do 2012 Redacción

Tenda de R en Vilagarcía de Arousa

O operador galego de cable R vén de anunciar que os municipios de Boiro, A Estrada e Vilagarcía de Arousa xa se inclúen no grupo de cidades e concellos galegos que dispoñen de conexión directa á rede de telecomunicacións de última xeración (NGA) que a compañía está a despregar en toda a comunidade autónoma co impulso do Plan de Banda Larga da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
Arestora preto de 38.500 habitantes (duns 24.800 fogares e empresas destas zonas) teñen acceso a redes de nova xeración e está previsto chegar proximamente a preto de 50.000 persoas (de máis de 28.000 fogares e empresas). Deste xeito, Boiro xa está conectado a redes de 100 Mbps (9.408 habitantes) e igualmente A Estrada (6.522) e os núcleos de Carril (1.484) e Vilagarcía (21.067) no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa. En breve cubriranse tamén os núcleos de Pesqueira (Boiro) e máis Trabanca Sardiñeira, (Vilagarcía de Arousa). Máis adiante uniranse parelelamente á rede de R outros núcleos de Vilagarcía coma A Rosaleda, Sobradelo e Vilaxoán.
Dende o inicio dos traballos de despregamento da rede de fibra óptica de R nestes tres municipios xa se investiron 21,34 millóns de euros (4,48 millóns na Estrada, 4,72 en Boiro e 12,14 en Vilagarcía de Arousa). Ademais, R ten previsto investir a medio prazo outros 3,5 millóns para mellorar e aumentar a súa rede nestes concellos.

PUBLICIDADE