Boing Boing estrea canle de vídeos

mércores, 3 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Xeni Jardin presentando Boing Boing TV

Un dos blogs máis populares do mundo, Boing Boing, estrea a súa propia canle de vídeos, que parten dun concepto moi sinxelo: explorar o mesmo tipo de material que tratan no seu blog, pero resumilo en menos de 5 minutos de luns a venres.
Os clips están presentados por Mark Frauenfelder (co-fundador do blog) e Xeni Jardin (a redactora máis coñecida da publicación) durante as primeiras semanas, agardando que conforme avance Boing Boing TV se vaian incorporando outros redactores do medio.
Tamén contan con que a comunidade de lectores realicen achegas a esta nova canle de televisión, na que pretenden experimentar con novas formas de produción, deixando claro que non será como un produto televisivo tradicional, senón que pretenderá facer en vídeo o mesmo que están a facer na web.
Para estrear estes vídeos a súa primeira entrega fala do libro Listography, dunha vella colección de litografías sobre a vida no futuro (que é o noso presente) e dun curioso robot que toca un theremin. O dito, contidos aptos para os habituais de Boing Boing.
Velaquí o primeiro vídeo deste novo medio:

PUBLICIDADE