Bodaclick ofrece novas ferramentas para organizar unha voda en liña

mércores, 5 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Cada día semella máis claro que todo, absolutamente todo, é comercializable na Internet. Dende unha barra de pan artesán até un noivo caído en desgraza. A Rede, que non fai milagres por si soa, vén a ser coma un gran escaparate onde se xoga a ver quen desenvolve a acción máis insólita. Nesta liña do inesperado é onde se sitúa Bodaclick.com, unha web que, como o seu propio nome indica, vai encamiñada ás parellas que, sabendo en liñas xerais o que se coce na Rede, estarían dispostas a poñer a organización da súa voda nalgunha empresa que operase na Web e que se encargase de toda a faena. Dito doutro xeito: Bodaclick é unha especie de solución integral para noivos, convidados e para anunciantes. A web, que xa existe dende hai certo tempo, volve estar de actualidade pola renovación dos seus contidos e das súas ferramentas.
Estas van dirixidas sobre todo a simplificar o simple, é dicir, a poñerlle as cousas o máis doadas posibles ós mozos e mozas que teñan un casamento programado. Con este fin, púxose a disposición dos internautas un deseño da liña do tempo (para planificar paso a paso cada aspecto da cerimonia) ou mesmo un presupostador, un colocador de mesas ou un blog persoal onde dar conta dos procesos e dos miúdos detalles que tanto gustan e ilusionan a unha parte importante dos que participan nestes festexos (porén, non se pode negar que sempre hai unha porcentaxe de convidados ós que toda a parafernalia do casamento lles entra por un ollo e lles sae polo outro, sen deixar pegada).
Asemade, Bodaclick informa tamén da posta en marcha do concepto de comunidade, que lles permite ás parellas pórse en contacto entre si ou con expertos en materia de ligazóns matrimoniais para “compartir experiencias a través dos fotos, consultorios e táboas de anuncios”. Amais diso, se lles ofrece ós convidados a posibilidade dunha participación “máis activa”, mesmo adquirindo agasallos en liña de xeito directo.
A remodelación do servizo Bodaclick vén da man da firma Redbility.

PUBLICIDADE