Boa parte das marcas máis valoradas internacionalmente corresponden a empresas tecnolóxicas

luns, 30 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A consultora Interbrand realizou o seu estudo anual sobre a evolución das marcas, amosando un crecemento moi importante (o 44%) de Google, que se sitúa xa no posto número 20 en valoración (pese a ser unha compañía moi nova), nunha progresión só comparable á marca galega Zara (do grupo Inditex) que xa é a segunda marca de maior crecemento superando a clásicos como a cadea de cafeterías Starbucks.
Segundo Interbrand o éxito de Zara está nos seus locais, que logran fidelizar ós seus clientes (que acoden unhas 17 veces ó ano ós mesmos) o que fixo que o valor da súa marca se incrementase un 22% situándoo no posto número 64 a escala global.
Hai que destacar que as empresas con base tecnolóxicas lideran a valoración no tocante ás súas marcas, de xeito que máis da metade das 7 primeiras corresponden a empresas coma Microsoft; IBM, Nokia ou Intel (que seguen sen poder superar a Coca-Cola, o líder por excelencia) mentres que outras marcas coma Sony, Apple ou Nintendo se fan coas posicións 25, 33 e 44 respectivamente.
As marcas líderes son tipicamente americanas, non habendo outra nacionalidade na listaxe ata o posto nº 5 coa finlandesa Nokia (seguida da xaponesa Toyota), polo que avances coma o de Zara son dignos de mención.

PUBLICIDADE