Boa acollida inicial do Palm Pre nos EE.UU.

martes, 9 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Formáronse colas para facerse con terminais do novo Palm Pre

Moitos son os fabricantes de telefonía móbil que anuncian o seu propio iPhone killer, e dende Palm puxeron moitas das esperanzas da empresa no Palm Pre, terminal presentado a primeiros de ano, e que finalmente saíu á venda nos EE.UU. coa operadora Sprint, que vén de anunciar que bateu as marcas de vendas no primeiro día e na primeira fin de semana desta compañía.
Entre os reclamos que emprega Sprint está que con algúns dos plans nos que se comercializa o Palm Pre o usuario podería aforrar uns 1.200 dólares en 2 anos con respecto á adquisición dun iPhone con AT&T.
Algúns consumidores fixeron cola para facerse cun destes móbiles tan agardados, aínda que estas concentracións humanas foron moito máis discretas que as que repítense con cada grande lanzamento de Apple. No caso do Palm Pre, o lanzamento rematou non só con milleiros de terminais vendidos (fálase duns 50.000), senón tamén coa anécdota dun home de Atlanta, Theodore Travis, que pasou preto dunha hora na cola dunha tenda de Sprint minutos antes do seu casamento.

PUBLICIDADE