Boa acollida do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta (SILEX)

venres, 20 de maio do 2011 Raquel Noya

Seguindo a liña marcada polo Executivo galego para modernizar tódolos procesos administrativos que se leven a cabo coa cidadanía e coas empresas do país, a Consellaría de Facenda puxo en marcha recentemente o seu Sistema de Licitación Electrónica (SILEX), que nos primeiros días de funcionamento, xa foi empregado polo 20 por cento do total das ofertas empresariais presentadas.
O titular do CIXTEC, Mauro Fernández Dabouza, revelou hoxe os datos referentes a este servizo telemático, e cualificou de “boa” a resposta das empresas aos cinco primeiros expedientes que saíron a licitación.
Máis polo miúdo, na súa intervención manifestou que se acadaron as seguintes porcentaxes de participación por medios telemáticos: no Sistema de Información Contable, un 33, 3por cento das ofertas; no Sistema de Información Tributario, un 50 por cento das ofertas; e no Sistema de Información de Recursos Humanos, un 20 por cento. Tan só nos Sistemas de Información de Nómina e de Xestión de Inventario de Patrimonio, apuntou, “aínda non se presentaron ofertas por medios telemáticos”.
O que hai que salientar de todo o exposto por Dabouza, é que o 20 por cento do conxunto das ofertas foron presentadas empregando o Sistema de Licitación Electrónica, o que supón un paso importante do departamento que dirixe Marta Fernández Currás na liña trazada polo goberno da Xunta para “acadar unha administración máis áxil, eficiente, moderna e próxima á nova realidade das empresas e da cidadanía”.
Igual que xa se fixo co Sistema de Facturación Electrónica, o SILEX vaise pór en funcionamento de forma consecutiva nas distintas consellerías da Xunta de Galicia, segundo afirmou Mauro Fernández, “de acordo co plan que xa está elaborado”.
O funcionamento de dito sistema principiou no CIXTEC, coa posta en marcha dos cinco primeiros expedientes mencionados anteriormente, e neste intre, xa están a licitarse outros dous máis con posibilidade de presentación telemática de ofertas. Posteriormente, seguirase coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para, de seguido, continuar cos expedientes relativos a Tecnoloxías de Información do resto das consellerías hasta estender o sistema a totalidade dos procedementos de contratación da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE