Blusens presenta en Madrid a súa proposta de fogar en liña

mércores, 16 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

A empresa galega Blusens vén de presentar en Madrid o seu concepto de Fogar Conectado, a xuízo da compañía con sede principal en Santiago un novo paso para o lecer multimedia doméstico. A idea de Blusens foi incidir en que a tecnoloxía presentada parte dunha realidade concreta, a da historia familiar de centos de milleiros de familias españolas reunidas arredor do televisor, para adaptala aos novos tempos, estendela, afondar nela e, sobre todo, ampliar até o impensable as posibilidades de interacción (antes, pola propia natureza do devandito aparello, máis que limitadas).
A proposta Fogar Conectado non se limita polo tanto a actuar sobre o televisor e convertelo en subministrador e receptor de datos, senón tamén sobre os reprodutores de vídeo, DVD, Blu-ray, reprodutores de audio, cadeas de música, videoconsolas, PCs, computadores fixos e portátiles, Internet, etc.
A iniciativa da empresa galega, tal e como fixo saber hoxe mesmo en Madrid, consiste en interconectar todos eses aparellos e servizos uns con outros dentro do eido doméstico e simultaneando esa conexión interna con canles activas co exterior a través de Internet.
“Isto é o que se coñece como Fogar Conectado”, sinala Blusens, “un concepto que fai evolucionar o de Fogar Dixital e sobre o que descansan as novas tecnoloxías para crear redes para o fogar transparentes para o usuario, mesmo enviando datos a través da rede eléctrica, capaces de achegas velocidades de transferencia moi por enriba do que hoxe se acada co Wi-Fi”.
Entre as pezas que constitúen o concepto novo de ámbito doméstico sitúase o Blubrain, centro de lecer multimedia cuxo gran obxectivo é achegar “novas experiencias de lecer para a familia permitindo un acceso máis variado e flexible a diferentes contidos, tanto de televisión, radio, Internet ou contidos almacenados en discos duros”. Blubrain, entre outras cousas, permite xestionar, reproducir e distribuír contido audiovisual entre unha chea de dispositivos. Entre os seus elementos inclúese un disco duro, dobre sintonizador DVB-T preparado para tecnoloxía HD, un sistema NAS (Network Attached Storage) para almacenamento e streaming de vídeo.
O Blubrain xa está arestora a piques de saír á venda a un prezo recomendado de 399 euros.
Por certo que entre as solucións presentadas en Madrid, tamén se fixo fincapé nas vantaxes e servizos de blu:generation, a nova canle de televisión de balde que emite dende Internet e outro dos grandes piares da devandita estratexia de Fogar Conectado.

PUBLICIDADE