Blusens felicita aos integrantes do equipo BQR pola súa “exitosa temporada”

martes, 8 de novembro do 2011 Raquel Noya

Semella que o éxito que Blusens colleita onde queira que vai cos seus dispositivos electrónicos de última xeración, vénlle de ser contaxiado ao equipo que a firma galega patrocina no Mundial de Moto GP, que fixo un excelente balance da temporada con 4 vitorias e 8 podios.
O patrocinio da firma galega, traducido no apoio ao equipo BQR que corre como Blusens by Paris Hilton en 125 cc e como Blusens STX en Moto2, cumpre xa a súa cuarta e máis exitosa temporada no Mundial, cunha traxectoria que segundo afirman, “convérteos en referente entre os equipos privados”.
É por isto que Blusens, fundada en Compostela no ano 2002, trasládalle as súas “máis efusivas felicitacións a tódolos integrantes do equipo BQR, tanto aos pilotos, mecánicos, responsables e todos os que integran esta estrutura pola súa dedicación, profesionalidade, saber facer e entusiasmo”.
Asemade, no balance que fai público, Blusens deixa constancia da súa intención de recordar especialmente a Joan Xufré, xefe de prensa de BQR que faleceu en xullo deste ano, de quen afirman que era un “bo profesional e mellor persoa”.
A vinculación de Blusens co motociclismo ten unha intensa relación cos valores corporativos da marca, ao unir tecnoloxía e talento humano nun deporte que consideran “espectacular, con fieis seguidores de tódalas idades”.

PUBLICIDADE