Blu:sens reforza a súa presenza exterior co nomeamento de Juan Carlos Vez como director xeral

venres, 1 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Blu:sens está a quecer motores para a súa nova etapa de medre e espallamento, un proceso que case con toda seguridade implicará máis mercados a engadir aos presentes, o afianzamento dos que xa ten e a ampliación e enriquecemento do seu catálogo de produtos de lecer electrónico. Neste senso, xa se perciben cambios, como o nomeamento de Juan Carlos Vez Vázquez como director xeral. O obxectivo da empresa con sede en Santiago é impulsar con esta incorporación o fortalecemento da súa estrutura directiva, preparando a nova etapa de crecemento internacional e o desenvolvemento de mercados en países emerxentes como México (onde ten a súa principal filial no exterior), Uruguai, Chile, Arxentina, Colombia, Perú ou Brasil, entre outros.
En realidade, esta nova fase da compañía Blu:sens non é (precisamente) nova. Para facérmonos unha idea clara do seu alcance, xa deu os seus primeiros froitos con nome propio, sendo o dispositivo Blu:sens web:tv, un sistema que leva Internet á televisión (amais dun potente e avanzando reprodutor multimedia), unha das súas achegas máis salientables. A incorporación de Juan Carlos Vez insírese nesta liña de innovación e de busca de novos nichos de actividade. A xuízo do novo director xeral, “Blu:sens é un excelente exemplo de emprendemento, amosando que se pode acadar un soño sempre que se poña o coñecemento e o devezo preciso para conseguilo”. E prosegue, facendo referencia á devandita arela de meirande internacionalización: “Blu:sens ten en España tódolos ingredientes para ser un referente internacional en electrónica de consumo, ten os alicerces e ten as gañas, agora quédanos todo o traballo de consolidar un proxecto que partindo da nada, en só 8 anos foi quen de incorporarse a un sector da innovación e no que España non contaba con ningunha empresa”.
Juan Carlos Vez conta cunha ampla experiencia en funcións directivas en diversos sectores empresariais e compañías galegas líderes, tras a súa traxectoria como xerente nacional de Vendas en Pescanova, director comercial en Pescapuerta, director comercial e de promoción de Rodman e adxunto na dirección xeral en Conservas Antonio Alonso (Palacio de Oriente) así como outros cargos en outras empresas de primeira liña. A nivel emprendedor, Juan Carlos Vez é socio director de IdeaInnova, consultora especializada en desenvolvemento de negocio e transformación empresarial, con oficinas en España e en México, onde polo tanto o novo director xeral de Blu:sens xa ten experiencia.

PUBLICIDADE