Bloquean milleiros de dominios .xxx para evitar a suplantación de celebridades

luns, 29 de agosto do 2011 Marcus Fernández

A pouco máis dunha semana para que comece o período sunrise para facerse cun dominio de Internet .xxx, sorprende a nova de que milleiros de nomes correspondentes a actores, políticos e outras figuras públicas veñen de reservarse por parte dos responsables de ICM Registry, compañía que xestiona os novos dominios de Internet para contidos pornográficos, de xeito que evitan que certas compañías e celebridades teñan que rexistrar os seus dominio .xxx para protexer a súa imaxe.
O 7 de setembro abrirase o período de sunrise para que as marcas poidan rexistrar os seus dominios .xxx de xeito preferente, o 8 de novembro terá lugar un período de landrush para facilitar o rexistro de certos dominios .xxx premium e non será ata o 6 de decembro cando os .xxx estean dispoñibles para un rexistro libre (a un prezo que podería estar preto dos 100 euros/ano), pero iso non implica que vaia ser posible facerse con dominios como BritneySpears.xxx, Obama.xxx, JustinBieber.xxx, LadyGaga.xxx, AmyWinehouse.xxx, Elvis.xxx ou MarilynMonroe.xxx, senón que hai uns 15.000 dominios que considerouse convinte bloquear para o seu uso (entre os que tamén hai nomes de cidades e figuras relixiosas). Amais, ICM Registry tamén conta cun servizo de avaliación rápida para eliminar nuns 3 días os dominios sobre os que reciban reclamacións por suplantación.

PUBLICIDADE