Blogger prohibe os contidos adultos

martes, 24 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

O uso de plataformas de terceiros para a publicación de contidos está sempre suxeita a problemas propios do uso de servizos alleos que poden mudar as súas condicións de uso, con repercusións moi serias, como vai acontecer cos numerosos espazos web hospedados en Blogger, xa que a partires do 23 de marzo vai entrar en vigor unha nova política relativa aos contidos adultos, que prohibirá a presenza de imaxes e vídeos sexualmente explícitos e incluso imaxes que amosen espidos (coa excepción de contextos científicos, educativos, artísticos ou documentais).
Deste xeito, as bitácoras que manteñan imaxes de espidos na data indicada que non eliminasen os contidos que vulnerasen esta nova norma, verán como o seu blog pasa a converterse en privado, ou sexa, só visible para o seu autor (e outras persoas cos que o compartise), para que non supoña un borrado de contidos, facilitando así a súa migración a outros servizos (Blogger conta con funcionalidades de exportación para poder gardar os textos e imaxes que se tiveran publicado nos seus sistemas).
No caso de blogs que se creen despois do 23 de marzo dende Google non serán tan comprensivos, e poderían borrar directamente o contido que non cumpra coas súas normas, por terse remitido nun momento no que xa estaba clara a prohibición de contidos adultos.
Dende Google non deron ningunha explicación sobre este cambio das condicións do servizo, que vai ter serias repercusións para moitas bitácoras, especialmente as que se dedican expresamente a contidos adultos, mentres que para espazos de temática máis xeral podería verse como un acto de censura difícil de explicar (especialmente porque antes de entrar ás bitácoras adultas xa existe un aviso que indica que non son aptas para menores de idade).
ACTUALIZACIÓN (27-2-2015): Dende Blogger corrixen parcialmente a súa decisión anterior e, mantendo a súa oposición á pornografía comercial na súa plataforma, aceptan non vetar contido sexualmente explícito en blogs creados con anterioridade, sempre que os espazos estean etiquetados como adultos, para evitar que a súa nova política non supoña un prexuízo para espazos nos que haxa particulares que expresen a súa identidade a través de contidos que poidan considerarse explícitos (e que nalgún caso levaban máis de 10 anos a publicar en Blogger).

PUBLICIDADE