Blogaliza borrará os blogues que fiquen inactivos dende hai dous anos

xoves, 30 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

O servizo galego Blogaliza vén de comunicar á súa comunidade que en datas vindeiras procederá a pechar os blogs que fiquen inactivos. A medida responde a un novo pulo no seu proceso de renovación, un proceso no que leva meses mergullado e que se dirixe a subir un significativo treito da escada da comunicación dixital: o que nos leva do andar 2.0 ao 3.0. Para entendérmonos, estamos a falar dun proceso cuxa meta é unha funcionalidade o máis completa, rendíbel e intelixente posíbel. Ou sexa, a actualización estábel nas novas correntes de comunicación dixital da comunidade de blogues, que, segundo apuntan os seus responsábeis, “manterá todos os servizos actuais e ofrecerá outros novos, tanto de balde como prémium”.
Asemade, Blogaliza 3.0 achegará unha nova portada onde poderemos obter información cumprida das publicacións das bitácoras que acubilla o servizo, filtrando datas, categorías e etiquetas.
Os traballos están a vir da man da asociación Algueirada con Sacauntos Cooperativa Gráfica e Martín Vázquez, que pasan a integrarse na equipa da Blogaliza. Sobre a data de lanzamento desta nova versión, aínda non hai día concreto. Como dixemos, o proceso de renovación tamén mobiliza ás usuarias e usuarios nos traballos de mellora. De feito, vén de pedírselles que reactiven os seus cadernos no caso de telos parados dende o 31 de maio de 2011. De non facelo así (accedendo a Ferramentas>Exportar dende a interface de administración para crear un arquivo), o servizo procederá á súa eliminación.
Cómpre lembrar que non é a primeira vez que a web Blogaliza acelérase a si mesma cara ao futuro da comunicación. Por estas mesmas datas, en 2009, renovábase cun novo deseño de portada, marcando o comezo dunha nova etapa para unha boa parte dos integrantes do movemento-corrente cultural chamada Blogomillo (unha boa parte dos cales acubillaron os seus cadernos en Blogaliza).
O soporte Blogaliza foi creado en 2003 por Pedro Silva e dende 2008 pertence a Algueirada SL, desenvolvida polo propio Pedro Silva, Carme Mancebo e Alfredo Ferreiro. Blogaliza ofrece dende o seu comezo hospedaxe, mantemento, e desenvolvemento de balde a milleiros de blogues galegos (máis de 3.000 nun dos intres de maior efervescencia do Blogomillo, en 2010).

PUBLICIDADE