Blockbuster pecha a súas portas en Portugal, e culpa á piratería da súa crise

venres, 12 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Os novos hábitos de consumo audiovisual están a provocar unha crise profunda no sector do aluguer de películas en soportes físicos (DVD e Blu-ray), de xeito que moitos videoclubs de pequeno tamaño botaron o peche nos últimos meses, pero as grandes cadeas tampouco son inmunes a esta problemática, e o grupo de tendas Blockbuster, con 9.000 establecementos en 25 países, finalmente abandona o mercado portugués, polo que xa iniciou os trámites de peche, que comezou cos procedementos de declaración de insolvencia e deixou no paro a un certo de persoas.
O volume de negocio de Blockbuster leva caendo dende 2003, de aí que o cese de actividade parecía inevitable. Responsables do sector culpa á piratería informática da crise do sector e critican a pasividade do Goberno do que cualifican de ser un «roubo descarado», desestimando a posibilidade de que o crecemento dos servizos de vídeo á carta e pagamento por visión de varios operadores de telecomunicacións lusos tivesen afectado á redución de alugueiros de películas, que forzou ao peche de 300 videoclubs en Portugal durante 2009.
Pero Blockbuster non está só pechando as súas tendas en Portugal, senón que na actualidade hai rumores de cese de actividade en varios países (especialmente en América Latina), dando a entender que o caso portugués non é illado, e a crise do modelo de negocio está xeneralizada, polo que cómpre unha reformulación do mesmo.

PUBLICIDADE