Blavox nace para popularizar os audiolibros en España

martes, 28 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

En 2008 chegou a España a plataforma de impresión baixo demanda Bubok, que facilita que cada autor poida editar os seus libros en formato físico sen ter que realizar grandes tiraxes, e incluso podendo vender exemplares soltos (ou incluso copias en formato dixital) o que resulta moi axeitado tanto para novas obras de autores independentes como para títulos descatalogados, e agora o seu fundador, Sergio Mejías, xunto coa directora editorial Natalia Rubio e o conselleiro delegado José Luis Delgado, botan a andar Blavox, un proxecto que quere impulsar a creación e difusión de audiolibros coa convicción de que este formato cada vez ten unha maior demanda.
Blavox brinda a calquera autor as ferramentas e servizos necesarios para crear e comercializar os seus propios audiolibros como podcast ou arquivo descargable, buscando así que os lectores poidan contar cunha fórmula alternativa para gozar da lectura cando están a realizar outras actividades.
Os autores que queiran converter os seus libros a audio contarán con servizos de locución profesional, servizos de conversión de texto a voz... e poderán comercializar os seus audiolibros en varios formatos (MP3, RSS...), fixar o prezo de venda e obter o 80% dos beneficios.
Os autores tamén poden subir ao sistema as súas creacións de audio en formato MP3 sen custo, no caso de que queiran ter un maior control sobre o produto final, e só terán que achegar unha descrición da obra, unha portada e fixar o formato de comercialización e o prezo para comezar a vender a súa obra (ou incluso ofrecela de balde).
Polo momento o catálogo de Blavox é moi reducido, con 5 audiolibros en inglés e 17 en español, todos de balde (por ser clásicos literarios), coa clara intención de que tanto lectores como autores se acheguen a este formato de tan boa acollida nos EE.UU. e que en Europa aínda non conseguiu callar.

PUBLICIDADE