Blackpink ofrecerá un concerto para visores de realidade virtual

venres, 22 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Un dos grupos musicais de pop coreano de maior éxito a nivel mundial, Blackpink, ofrecerá a vindeira semana un concerto que poderá seguirse a través de visores de realidade virtual Meta Quest 2, 3 e Pro, de xeito que os seus seareiros vivirán unha experiencia comparable a estar a carón do escenario nun concerto no Gocheok Sky Dome de Seúl ao remate da súa xira mundial.
Esta experiencia que poderá gozarse a través de Meta Horizon Worlds inclúe un espazo de virtual no que os espectadores poden xuntarse antes e despois desta retransmisión que poderá seguirse a partir das 2:00 da madrugada do martes ao mércores, durando o espectáculo un total de 70 minutos. Recoméndase acudir con media hora de antelación.
Este espectáculo inmersivo poderá seguirse dende EE.UU., Canadá, Reino Unido, Irlanda, Francia e España.
Este tipo de concertos para cascos de VR levan bastante tempo celebrándose, aínda que son pouco coñecidos polo grande público. Está previsto que durante os vindeiros dous meses a través de Meta poidan verse concertos de Louis the Child, Jack Harlow, Jorja Smith, ZHU, Alec Benjamin, Tyler Childers e Santa Fe Klan dentro da xira de concertos Music Valley.

Vídeo promocional do concerto de Blackpink para visores Meta Quest

PUBLICIDADE