BlackBerry rexistra unhas perdas trimestrais de 4.400 millóns de dólares

venres, 20 de decembro do 2013 Marcus Fernández

BBM parece ser a grande esperanza para BlackBerry

O futuro de BlackBerry continúa a ser moi incerto, especialmente despois de que a compañía anunciase nas últimas horas unhas perdas trimestrais por valor de 4.400 millóns de dólares, cuns ingresos de 1.200 millóns de dólares, o que parece consecuencia directa da perda de confianza do mercado na viabilidade a longo prazo da compañía, o que fai que as empresas teñan que explorar alternativas á compañía canadense para as súas comunicacións.
Queda agora por ver se o cambio na dirección da compañía, que abandonou Thorsten Helms en favor de John Chen, será capaz de mudar o rumbo de BlackBerry cara os números negros, sendo unha das grandes decisións da compañía que vemos agora é o peche dunha alianza con Foxconn, de xeito que durante os vindeiros 5 anos o fabricante asiático traballaría para BlackBerry, comezando por un smartphone para mercados emerxentes que sairá á primeiros de 2014.

En 2014 non se celebrará a BlackBerry Live

A compañía tamén anunciou a cancelación do congreso BlackBerry Live de 2014, optando por organizar eventos moito máis cativos e específicos durante os vindeiros 12 meses, sendo o único que ten previsto para primeiros de 2014 en Europa a súa participación no Mobile World Congress de Barcelona entre os días 24 e 27 de febreiro.
Mentres vemos como a división de dispositivos de BlackBerry non para de traer malas novas, onde si está a prosperar a empresa e no seu software, grazas á chegada de BlackBerry Messenger (BBM) a iOS e Android, anunciando que están a preparar novas prestacións para 2014, como a posibilidade de facer chamadas de voz de balde dende a aplicación, canles temáticas nas que poder conversar máis aló da nosa listaxe de contactos, un sistema para compartir fotografías, notas de voz, localización e máis contidos dun xeito rápido e doado e novas emoticonas.


Vídeo no que presentan algunhas das novidades coas que contará BBM nas vindeiras semanas

PUBLICIDADE