BlackBerry confirma os seus malos resultados financeiros e os seus recortes de persoal

venres, 20 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Imaxe da presentación dos primeiros móbiles con BlackBerry 10

A empresa canadense BlackBerry vén de facer públicos os seus resultados preliminares para o trimestre que rematou o 31 de agosto, período no que terían uns ingresos duns 1.600 millóns de dólares, o que sería a metade do agardado pola compañía, o que supón un duro pau e confirmaría a mala saúde da empresa, que só conseguiu vender 3,7 millóns de terminais telefónicos, dos que a súa meirande parte foron dispositivos con BlackBerry 7 (polo que a confianza no futuro de BlackBerry 10 vese bastante reducida).
BlackBerry agarda rexistrar entre 250 e 265 millóns de dólares en perdas operativas (aos que habería que sumar uns 950-995 millóns de dólares en inventario de terminais), e confirma que a negativa situación levaralle a prescindir de 4.500 traballadores (aproximadamente o 40%) e recortar moitos outros gastos. Para intentar remontar a situación tamén centrarán os seus esforzos no público corporativo e nos usuarios avanzados, para o que terán 2 dispositivos de alta gama e 2 de entrada, con modelos só táctiles ou con teclado QWERTY, confiando tamén en que o novo BlackBerry Z30 poida dinamizarse o seu mercado de móbiles.
Estes anuncios están a prexudicar seriamente á imaxe de BlackBerry (e á súa cotización bolsista), aínda que haberá que ver se a chegada de BBM a Android e iOS a vindeira fin de semana é dabondo para depositar algo máis de confianza na compañía que podería atopar unha saída de centrarse en servizos en vez de en produtos.

PUBLICIDADE